Tropa Verde e o Concello de Lugo premian a reciclaxe nas aulas

Lara Méndez, Daniel Piñeiro, Ricardo Vila e Luis Abelleira entregaron os premios da campaña "Reciclar na escola ten premio", na que participaron 6 colexios da cidade e máis de 700 cativos e cativas

8622fc4a194479b4cef9e98ea295f8cdc684bac2

Lugo, 17 de Febreiro de 2017 - A casa de Xuventude, acolleu onte a entrega dos premios da campaña "Reciclar na escola ten premio" de recollida de xoguetes en bo estado, non bélicos e non sexistas, enmarcada no programa Tropa Verde. O acto estivo presidido pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñerio, un dos socios da empresa Teimas, encargada da iniciativa Tropa Verde, Ricardo Vila, e o presidente provincial da Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira.

Na campaña "Reciclar na escola ten premio" implicáronse estudantes de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. En total, participaron 6 centros educativos diferentes, que representan 31 clases e 715 alumnos e alumnas, dos centros de A Ponte, Menéndez Pelayo, Cervantes, Casás, Rosalía de Castro e Fingoi.. Entre todos recolleron 2.548 xoguetes.

O primeiro premio recaeu na clase de 3ºA do CEIP Rosalía de Castro, o segundo, na de 3ª do CEIP A Ponte e o terceiro e último premio, na aula de 4º de primaria tamén do CEIP A Ponte. Trátase dun premio dedicado ás clases que máis xoguetes reuniron en bo estado.

Ricardo Vila salientou a importancia de “toma de conciencia por parte do cidadán, para facer entre todos unha sociedade máis sostible” e de “os mais novos, xa que eles son quen de facer cambiar a mentalidade dos mais maiores da casa”.

Luis Abelleira destacou a campaña Tropa Verde pola implicación e motivación de familias e rapaces que nesta ocasión “non empregaron a iniciativa para facer limpeza na casa” e o éxito na cantidade e bo estado dos xoguetes.

A alcaldesa agradeceu a implicación tanto dos cativos e cativas, como da comunidade educativa e dos pais e nais nesta iniciativa “que conxuga o respecto polo medio ambiente dende pequenos, e a solidariedade", pois os xoguetes recollidos doáronse a  nenos e nenas con menos recursos. Lara Méndez, quen convidou ao alumnado a seguir nesta liña, destacou “a boa acollida que tivo esta iniciativa, na que participaron máis de setecentos cativos e que se recadaron máis de 2.500 xoguetes”.

Sobre Tropa Verde

Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos, ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.


Voltar o listado