O Concello de Lugo aposta pola reciclaxe e a concienciación ambiental coa iniciativa Tropa Verde

O obxectivo é fomentar a reciclaxe e a concienciación ambiental entre a cidadanía, impulsando ao mesmo tempo o comercio local.

9c9ccf8256dfedbb68f90353081992a6d21e1c42
O Concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Persoal da cidade de Lugo, Daniel Piñeiro, xunto coa Directora Comercial de Teimas, Marta Vázquez e a dinamizadora da Tropa Verde, Marta Morán daban inicio o pasado luns 28 de novembro ás actividades de Tropa Verde na capital lucense. Do mesmo xeito que a súa análoga compostelá, o seu obxectivo é fomentar a reciclaxe e a concienciación ambiental entre a cidadanía, impulsando ao mesmo tempo o comercio local.

Tropa Verde trátase dunha plataforma multimedia na que colaboran o Concello de Lugo, Teimas e Urbaser e a través da cal, os veciños e veciñas que se rexistran no portal tropaverde.org e realizan accións responsables medioambientalmente, obteñen un cheque que deben introducir na web a fin de trocar os puntos recibidos por descontos e premios en establecementos locais de comercio e hostalería.

Durante a presentación, o edil fixo fincapé no matiz de sensibilización desta campaña para concienciar á poboación da importancia da reciclaxe, así como na recuperación e reutilización de residuos, ao mesmo tempo que animou á cidadanía para participar e implicarse na adecuada xestión de residuos. 

En Lugo, a iniciativa conta de inicio co patrocinio de 59 establecementos que ofertan case 850 recompensas e descontos por un valor de case 6.000 euros. Ao punto limpo, como emisor destes cheques, súmaranse ademais os centros de convivencia, que recollerán pilas e tapóns, e o Centro de Servizos Xerais do Concello. 

Entre as actividades da iniciativa púxose en marcha "Reciclar na escola ten premio", unhas conxunto accións dirixidas aos centros locais para a educación e a concienciación sobre a reciclaxe entre os máis pequenos. 

APROEMA E ECOEMBES RECOÑECEN Os RESULTADOS DE TROPA VERDE COMPOSTELA

Santiago de Compostela e Lugo, son as dúas primeiras das cidades galegas en sumarse a Tropa Verde, ás que se sumarán tamén Ames, Porriño, Redondela e Sarria. E é que os resultados obtidos pola iniciativa na capital galega non pasan desapercibidos no panorama ambiental español. Se fai menos dun mes recibía un dos Premios "Medio Ambiente Aproema", a semana pasada foi Ecoembes quen outorgou ao Concello de Santiago de Compostela o premio "Premio R" na categoría "Mellor campaña de sensibilización das Administracións Públicas".

O galardón foi recollido polo concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, nunha cerimonia que contou coa presenza do conselleiro delegado de Ecoembes, Óscar Martín, que destacou a calidade de cada unha das 119 candidaturas presentadas aos premios, o que "evidencia o compromiso desde todos os sectores para avanzar nun modelo de desenvolvemento enmarcado baixo a economía circular".

Santiago impúxose con Tropa Verde ás candidaturas de Zaragoza, por un programa para a reciclaxe na súa zona histórica, e á do Cabildo Insular da Palma, que optaba ao mesmo premio por un programa socioeducativo sobre reciclaxe.

Máis información sobre Tropa Verde en www.tropaverde.org

SOBRE TROPA VERDE

Tropa Verde é un innovador proxecto de concienciación ambiental con base tecnolóxica promovido por Teimas Desenvolvemento. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que realizan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos puntos limpos locais, ou asistir a eventos sobre sustentabilidade. Os puntos recibidos pódense intercambiar por distintas recompensas e premios que entregan os locais patrocinadores.

Vía: Gestores de Residuos
Foto de Andreu Romaní Fotografía
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando