A educación ambiental un pilar fundamental da Tropa Verde

En conmemoración do «Día Mundial da Educación Ambiental» 

Dbb35eb2bb367bd5e5637bb5637111135e43a4f1

O 26 de Xaneiro celebrouse o «Día Mundial da Educación Ambiental» cuxas metas son proporcionar a información e os coñecementos necesarios para adquirir conciencia dos problemas do ambiente, promover unha clara conciencia ecolóxica e participar para o desenvolvemento do sentido de responsabilidade.

Tropa Verde é unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais.

Un propósito fundamental da educación ambiental é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente (resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais, económicos, etc.) e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.

A educación ambiental resulta clave para comprender as relacións existentes entre os sistemas naturais e sociais, así como para conseguir unha percepción máis clara da importancia dos factores socioculturais na xénese dos problemas ambientais. Nesta liña, debe impulsar a adquisición da conciencia, os valores e os comportamentos que favorezan a participación efectiva da poboación no proceso de toma de decisións.

Por tanto, a educación ambiental, máis que limitarse a un aspecto concreto do proceso educativo, debe converterse nunha base para elaborar un novo estilo de vida. Ha de ser unha práctica educativa aberta á vida social para que os membros da sociedade participen, segundo as súas posibilidades, na tarefa complexa e solidaria de mellorar as relacións entre a humanidade e o seu medio. Destes fundamentos parten as iniciativas da Tropa Verde.

Accións levadas a cabo dendeTropa Verde

"Reciclar na escola ten premio" son diferentes campañas para a concienciación ambiental sobre a reciclaxe nos centros educativos.

A finalidade é incentivar a responsabilidade ambiental nos rapaces e rapazas, así como nas súas familias, mediante un concurso con diferente srecompensas, contribuíndo así á redución dos residuos e optimizando a xestión destes.

Ata agora realizáronse catro campañas diferentes:

- Recollida de aceite de cociña usado (Concello de Santiago)

- Recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (Concello deSantiago)

- Recollida de tapóns (Asociación de altas Capacidades de Galicia)

- Recollida de xoguetes en bo estado  (Concello de Lugo)

Tamén impartíronse talleres co nome Recicla,Reutiliza e xoga coa Tropa Verde impartidos en 5 centros socioculturais diferentes en Santiago de Compostela, para a concienciación ambiental con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos. 

En definitiva, a Tropa Verde quere facer fincapé na idea de que o coidado da natureza e os seus recursos é cousa e causa de todos. E o modo en que pretendemos lograr este obxectivo é facéndolles vivir en primeira persoa as problemáticas relacionadas co tema, a través dunha metodoloxía lúdica e unha aprendizaxe baseada no diálogo.

Voltar o listado